Segundo informa Protección Civil de Muxía, pasaban uns minutos do mediodía deste domingo cando foron requeridos polo 112 Emerxencias Galicia para intervir na asistencia a unha persoa que se atopaba indisposta na zona da rampla do porto da vila.
Desde a base PC ata o lugar mobilizaron o equipo de garda, e o axente da Policía Local fora de servizo, así mesmo, os xestores do 112 Galicia mobilizaron efectivos do 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, Garda Civil e o helicóptero medicalizado H3 con base en Santiago.
Unha vez no punto, comprobouse que se trataba dunha muller, que se atopaba bañándose na zona e que, ao parecer, sufrira unha indisposición, sendo avistada flotando no mar, boca arriba.
Tras ser rescatada por un veciño da vila, a vítima foi trasladada ata a base de Protección Civil, onde se lle prestaron os primeiros auxilios e se lle realizaron as manobras necesarias para a súa reanimación, ata a chegada e intervención dos efectivos sanitarios.
A muller unha peregrina portuguesa, tras a rápida intervención e a asistencia recibida, conseguiu ser estabilizada e finalmente non foi necesaria a súa evacuación por vía aérea. Foi trasladada en ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee para a súa valoración e revisión médica.
