O BNG da Costa da Morte denunciou «un novo episodio de privatización da sanidade pública por parte da Xunta do Partido Popular, que xa nin esconde en plena campaña electoral cal é o seu modelo de xestión sanitaria, que non é outro que facer negocio coas grandes empresas, en vez de reforzar os servizos nos centros médicos e hospitais públicos».
A formación nacionalista considera que as listas de espera non poden converterse «nunha xustificación permanente» para a externalización de servizos sanitarios. «A Xunta debe explicar que medidas está adoptando para incrementar a capacidade asistencial dos hospitais públicos e evitar que as necesidades sanitarias da poboación se convertan nunha oportunidade de negocio para as empresas privadas», sinalou o BNG, que advertiu que «resulta especialmente preocupante esta decisión no caso do hospital comarcal da Costa da Morte, onde precisamos ampliar a carteira de servizos, incorporar especialistas e garantir unha atención sanitaria de proximidade».
O deputado nacionalista Oscar Insua declarou que “os recursos públicos deben servir prioritariamente para fortalecer os servizos públicos; a saúde é un dereito de todos e todas, non unha oportunidade de negocio; desde o BNG seguiremos insistindo en ampliar a oferta de especialistas, para non ter que ir aos hospitais da Coruña á case todo».
Insua subliñou que «agora, ademais de seguir pagando o carburante e as peaxes na autovía, hai que sumarlle o aparcamento, que practicamente non hai no CHUAC, e obriga aos doentes a ir a un aparcadoiro privado carísimo”.
O parlamentario corcubionés engadiu que “se queremos un hospital en Cee con máis servizos e de mellor calidade, o vindeiro domingo hai que telo claro, o voto máis útil é o do BNG, porque o PP só entende de privatizar os servizos públicos”.
