Preto de 60 profesionais do sector agrario da comarca de Bergantiños participaron na xornada “PAC 2026: claves, cambios e oportunidades para o sector agrario” organizada por Axober – Asociación de Empresarios de Bergantiños – e o
Banco Santander. O encontro tivo lugar nas instalacións municipiais do Auditorio do Fórum Carballo.
A ponencia principal correu a cargo do xornalista César Lumbreras, especialista na materia, quen abordou cuestións clave relacionadas coa nova Política Agraria Común – PAC -, os cambios normativos, os acordos internacionais e o seu impacto directo no sector primario.
O acto contou tamén coa presenza do Director Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Xunta de Galicia, Juan José Cerviño; do Alcalde de Carballo, Daniel Pérez; así como de varios membros da corporación municipal.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado recentemente entre Axober e Banco Santander, e supón un paso importante na estratexia de Axober para reforzar a súa presenza no sector agrario. Ambas entidades prevén darlle continuidade a esta liña de traballo con novas actividades dirixidas tanto ao sector primario como a outros sectores clave na comarca de Bergantiños.
O Presidente de Axober, Diego Iglesias, fai un balance “moi positivo” da xornada destacando tanto a calidade das ponencias como a elevada participación. “A resposta do sector superou as nosas expectativas, o que demostra o interese por estar ao día e prepararse ante os cambios que veñen”, suliñou.