O Fórum Carballo acollerá este xoves a partir das 18:30 horas, a xornada de peche do programa “Construíndo o futuro: empresas e formación 2026” impulsado por Axober – Asociación de Empresarios de Bergantiños – co obxectivo de reforzar a conexión entre o tecido empresarial e o ámbito educativo.
A sesión comeza cun acto de benvida a cargo de Axober, seguido dunha mesa redonda centrada nas experiencias reais en FP Dual nas empresas. Neste espazo participarán compañías como Gerca, Inelca e Metalúrgica BB, que compartirán os seus casos prácticos, así como os retos e beneficios deste modelo formativo.
A continuación analizarase a oferta educativa existente na comarca, coa participación de representantes de centros como o IES Monte Neme, o IES Eduardo Pondal e o EFA Fonteboa. A xornada continuará cun bloque dedicado ás bolsas, prácticas e programas de colaboración, no que intervirán representantes de FEUGA e da Fundación Venancio Salcines, achegando
información sobre oportunidades e ferramentas de apoio tanto para empresas como para alumnado.
Na recta final, presentarase o portal de emprego empregate.gal, así como iniciativas impulsadas polo Concello de Carballo e o Polígono de Carballo relacionadas coa xestión do emprego e a conexión empresarial.
O encontro concluirá cun espazo de aperitivo e networking, no que os asistentes poderán intercambiar experiencias e establecer novas vías de colaboración, acompañado de petiscos elaborados polo alumnado de FP de Hostalaría do IES Monte Neme e da AFD do Concello de Carballo.
Inscricións
As inscricións están abertas a todas aquelas persoas interesadas (empresas, técnicos/as de emprego, responsables de RRHH, docentes, alumnado,…) e para participar é necesario anotarse previamente na seguinte ligazón: https://axober.org/axenda/foro-empresa-fp-e-talento/
Esta é unha xornada organizada por Axober coa colaboración do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e o Polígono de Carballo.