Este xoves celebrouse no Fórum Carballo a xornada de peche do programa “Construíndo o futuro”, impulsado por Axober – Asociación de Empresarios de Bergantiños – co que se busca achegar o alumnado ao mundo empresarial e ás oportunidades
laborais da nosa contorna máis próxima. Ao longo deste ano, orgánizaronse diferentes visitas a empresas nas que participaron máis de 120 alumnos e alumnas de toda a comarca.
Baixo o título “Empresas e Formación”, o encontro de onte á tarde reuniu a representantes do tecido empresarial, centros de ensino e diversas institucións co obxectivo de fortalecer a conexión entre formación e o emprego dentro da comarca.
Diego Iglesias, Presidente de Axober, encargouse de abrir a xornada e de darlle a benvida a todas as persoas asistentes. “Este tipo de encontros son fundamentais para construír pontes reais entre a formación e o tecido empresarial, e para garantir un futuro máis sostible e competitivo para a comarca”, sinalou Diego Iglesias durante a súa intervención.
A primeira mesa redonda da xornada centrouse nas experiencias reais da FP Dual, na que Melanie Lois, de Gerca Solucións Metálicas; Javier Vázquez de Inelca; e José Ángel Vázquez, de Metalúrxica BB; compartiron experiencias, retos e beneficios deste modelo formativo e de como o implantaron nas respectivas empresas.
Posteriormente, representantes do IES Monte Neme, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e do Centro de Formación EFA Fonteboa participaron nunha segunda mesa de traballo centrada na Formación Profesional. Analizaron desde a perspectiva educativa as principais especialidades de FP presentes na comarca, como automoción, atención a persoas dependentes e electricidade, facendo fincapé na relevancia dos cursos de especialización adaptados ás necesidades do tecido
empresarial. No transcurso do debate tamén se puxo de manifesto a necesidade de contar cun centro integrado de Formación Profesional na comarca que agrupe diversas familias profesionais, considerado un elemento estratéxico para reforzar a cualificación e a competitividade do territorio.
No terceiro bloque da xornada, abordáronse as bolsas, prácticas e programas de colaboración coa participación de Patricia Muíño, da Fundación Venancio Salcines, e de Ana Muíño da FEUGA; que expuseron as distintas oportunidades de apoio tanto para o alumnado como para as empresas.
A recta final da xornada centrouse no emprego, talento e conexión empresarial, coa presentación de iniciativas como o portal empregate.gal – impulsada por Axober -. Nesta mesa tamén se abordaron outras accións promovidas polo Concello de Carballo, expostas por Mila Antelo, quen destacou a bolsa municipal de emprego, que conta na actualidade con arredor de
6.000 persoas inscritas. Pola súa banda, Pablo Rodríguez deu a coñecer as iniciativas en materia de emprego desenvolvidas pola organización do Polígono de Carballo, entre as que están a súa propia bolsa de emprego, con preto de 2.000 persoas rexistradas.
Entre o público asistente atopábanse representantes de empresas e institucións de toda a comarca, así como responsables políticos, entre eles o Acalde da Laracha, José Manuel López, e a Concelleira de Emprego, Rocío López. A xornada, conducida pola xornalista Ángela Rodríguez, concluíu cun espazo de networking no que os asistentes tiveron a oportunidade de intercambiar impresións nun ambiente distendido, acompañado dun aperitivo elaborado polo alumnado do FP de Hostalería do IES Monte Neme e da AFD do Concello de Carballo.