- A comarca pecha xuño con 3.841 persoas desempregadas, 201 menos que en maio e 591 menos que en xaneiro.
A Unión Sindical Obreira —USO— valora positivamente o descenso do paro rexistrado na Costa da Morte durante o mes de xuño, aínda que advirte de que a mellora mensual responde en boa medida ao efecto estacional propio do inicio do verán, especialmente nos sectores vinculados ao turismo, hostalaría, servizos e actividade comercial.
Segundo os datos oficiais publicados pola Xunta de Galicia, a Costa da Morte pechou xuño con 3.841 persoas desempregadas, fronte ás 4.042 rexistradas en maio, o que supón unha baixada de 201 persoas nun só mes. Desde xaneiro, cando a zona sumaba 4.432 persoas paradas, o descenso acumulado é de 591 persoas.
Para USO, estes datos “son positivos, pero non permiten lanzar campás ao voo”. A organización sindical lembra que boa parte da creación de emprego que se produce nestas datas está marcada pola temporalidade, os contratos de curta duración, as xornadas parciais non sempre voluntarias e a sobrecarga de traballo en sectores onde a inspección e o control das condicións laborais seguen sendo imprescindibles.
Por zonas, Bergantiños continúa concentrando o maior volume de desemprego, con 2.525 persoas paradas en xuño, aínda que rexistra unha baixada de 106 persoas respecto a maio. Dentro desta comarca, Carballo segue sendo o concello con máis persoas desempregadas, con 1.502, malia reducir o paro en 19 persoas no último mes.
Na comarca de Fisterra, o paro sitúase en 671 persoas, con 36 menos que en maio. O descenso prodúcese en Cee, Dumbría, Fisterra e Muxía, mentres que Corcubión aumenta en 4 persoas desempregadas, sendo a nota negativa do mes na zona.
En Terra de Soneira, xuño remata con 436 persoas desempregadas, o que supón unha baixada de 44 persoas respecto ao mes anterior. Camariñas, Vimianzo e Zas reducen o paro, con especial incidencia en Camariñas, que baixa en 22 persoas. En
Mazaricos, integrado na comarca do Xallas, o paro queda en 84 persoas, con 7 menos que en maio.
Desde USO sinalan que “a baixada do paro é unha boa noticia para as familias traballadoras da Costa da Morte, pero non pode ocultar que seguimos ante un mercado laboral feble, moi dependente da campaña estival e con demasiados empregos de usar e tirar”.
A organización sindical reclama ás administracións públicas e ao tecido empresarial “un cambio real de modelo” que permita xerar emprego estable, con salarios dignos, conciliación, prevención de riscos laborais e respecto aos convenios colectivos.
“Non abonda con que haxa máis contratos no verán; hai que mirar que tipo de contratos son, canto duran, que salarios teñen e en que condicións se traballa. Porque a estatística baixa, si, pero a precariedade non se colle vacacións”, sinalan desde USO.
A formación tamén chama a reforzar a actuación da Inspección de Traballo nos sectores con maior actividade durante a tempada estival, especialmente hostalaría, comercio, servizos, limpeza, seguridade privada, atención sociosanitaria e actividades auxiliares, co obxectivo de evitar abusos, exceso de xornada, horas extras sen pagar, incumprimentos de descansos e contratación fraudulenta.
Finalmente, a central sindical insiste en que a Costa da Morte precisa políticas activas de emprego adaptadas á realidade da comarca, mellora dos servizos públicos, aposta pola industria, formación útil e investimento estable que permita fixar poboación e evitar que a mocidade teña que marchar para atopar un traballo digno.
Datos principais
- Paro rexistrado en xuño na Costa da Morte: 3.841 persoas.
- Comparativa con maio: 201 persoas desempregadas menos.
- Comparativa con xaneiro: 591 persoas desempregadas menos.
- Concello con máis paro: Carballo, con 1.502 persoas desempregadas.
- Maior descenso mensual por concellos: Cabana, Camariñas e Malpica, con 22 persoas menos cada un.
- Único concello da zona con subida mensual: Corcubión, con 4 persoas máis no paro.