A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitaron, este mércores o curso, organizado por este Concello, que está a impartir dentro de accións formativas para desempregados (AFD).
Concretamente, A Laracha contou cun apoio de case máis de 52.000 euros, na convocatoria 26-27, para impartir, o curso Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Este curso comezou o pasado 17 de abril e rematará o 11 de setembro, despois de 450 horas de formación, e conta con 13 alumnos.
Na visita a representante do Goberno autonómico anunciou que A Laracha volverá a contar este ano cun obradoiro de emprego grazas a unha achega da Xunta de máis de 474.000 euros centrado en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e traballos de carpintaría e moble, que contará con 20 prazas.
Convocatoria 2026-2027
Belén do Campo lembrou que Xunta de Galicia mantén aberta a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), un programa dotado con 60 millóns de euros co que o Goberno galego pretende reforzar a cualificación profesional e facilitar a inserción laboral da cidadanía. Durante a visita realizada, a delegada da Xunta puxo en valor esta iniciativa, integrada no novo modelo de formación para o emprego impulsado pola Administración autonómica, baseado nunha maior flexibilidade, simplificación administrativa e adaptación ás necesidades reais do tecido empresarial galego.
A convocatoria incrementou recentemente o seu orzamento con 20 millóns de euros adicionais para 2026, o que permitirá ampliar o número de beneficiarios e superar as 10.700 persoas participantes previstas.
Belén do Campo destacou tamén o esforzo inversor que está a realizar a Xunta neste ámbito formativo. Así, na convocatoria 2026-2027 xa foron aprobados na provincia da Coruña un total de 209 cursos repartidos en 23 municipios, promovidos por 6 concellos e 73 entidades, cun investimento superior aos 11,3 millóns de euros.
No caso concreto da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, concedéronse 19 accións formativas por un importe de máis de 1,2 millóns de euros, que serán desenvolvidas polos concellos de Carballo e A Laracha e por 9 entidades e. Por municipios, distribúense en 14 cursos en Carballo, 1 Laracha, 1 en Cee, 1 en Vimianzo, 1 en Zas e 1 en Laxe.
A programación formativa céntrase especialmente nos sectores con maior demanda de profesionais cualificados en Galicia, entre eles a atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría.
As accións están dirixidas preferentemente a persoas desempregadas, aínda que tamén poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas dispoñibles no caso de existiren vacantes. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto entre o 20 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026.
Os fondos distribuiranse entre as anualidades 2026 e 2027, permitindo desenvolver accións formativas que se inicien este ano e continúen no seguinte. Poderán optar ás axudas os centros e entidades acreditadas para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional. Ademais, as subvencións concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e incluirán anticipos de ata o 60 %.
Entre as principais novidades desta convocatoria figura a flexibilización dos requisitos de acceso. As persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nun curso de nivel superior sen necesidade de agardar pola expedición oficial do certificado profesional correspondente. Esta medida tamén beneficiará ás persoas que estean pendentes da homologación dun título estranxeiro.
Co obxectivo de garantir unha conexión efectiva co mercado laboral, as entidades deberán acreditar previamente unha demanda mínima equivalente ao 30 % do alumnado previsto. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de maneira que polo menos o 25 % das horas formativas se desenvolverán en contornas reais de traballo.
A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas iniciativas é mellorar as competencias profesionais das persoas participantes e facilitar a obtención de certificados profesionais con impacto directo na súa empregabilidade e inserción laboral.