Calor abafante, feiras baixo mínimos e afluencia masiva ao Santo Hadrián de Malpica este domingo

1 minutes read

Centenares de persoas partiron en procesión á primeira hora da mañá deste domingo desde Malpica e arredores, camiño da ermida do Santo Hadrián, contorna relixiosa situada no Monte de Beo e que xurdiu sobre un espazo sacro precristiano, aquí atopáronse os restos arqueolóxicos do castro coñecido como Bico do Castro, sobre unha crista, cuxas ladeiras chegan ao mar, no máis occidental do Cabo de Santo Adrián.

Como cada domingo seguinte ao 16 de xuño, a imaxe foi levada aos ombreiros dos seus devotos e pola beira do mar, desde a Igrexa parroquial ata a súa capela, no cabo do seu nome. Unha procesión adornada con cintas multicolores dunha comitiva con banda de música. Houbo misas cada hora e a solemne á unha, xa pola tarde o santo regresou en procesión á igrexa de Malpica. A Romaría de Santo Hadrián continúa a desenvolver o seu programa cunha gran participación e tradición, mantendo vivo un dos rituais máis singulares da devoción popular en Galicia.

A parte negativa da xornada poñíaa un lume forestal declarado precisamente na zona do cabo do Santo Hadrián preto das sete da tarde, para o que Medio Rural mobilizaba un axente, tres brigadas, dúas motobombas e un helicóptero.

Con temperaturas superiores aos 30 graos, romarías e praias ateigadas de xente as feiras de Paiosaco, Cee e Baio víronse mermadas de asistencia de público este domingo, había pouca e a pouca que había paraba o xustamente necesario, tratando de buscar cobixo á sombra, ou noutro caso como foi o de Santo Hadrián, a devoción relixiosa.