Este mércores, 22 de xullo, ás 20:00 horas, Camariñas será o gran protagonista da estrea do segundo capítulo de ORÍGENS, un coidado proxecto documental independente que viaxou ata Galicia para dar voz ás persoas que manteñen vivos os oficios, a memoria e as formas de vida ligadas ao territorio na Costa da Morte.
Tras un primeiro capítulo rodado no interior da Comunidade Valenciana, ORÍGENS desprazouse á nosa comarca cunha rodaxe que tivo lugar durante unha semana. A maior parte do documental gravouse nas rúas, no mar e nas casas de Camariñas e as súas parroquias, aínda que o equipo tamén percorreu outros recunchos de Muxía e Vimianzo.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “dende o Concello amosar o noso orgullo por ter colaborado coa difusión desta iniciativa, xa que a peza achégase de forma moi humana e pausada á nosa esencia: o mar, o noso inestimable encaixe, a cociña de proximidade e a riqueza da vida rural”.
O que fai verdadeiramente especial a este proxecto son os seus protagonistas. A través de diferentes testemuños, o documental permítenos escoitar e emocionarnos coa historia de veciños e veciñas fundamentais para entender Camariñas hoxe en día. Entre eles atópanse Yaqui Lista, mariñeira e mariscadora; Lola, palilleira que mantén viva a arte fío a fío; e Sara e Dani, impulsores de Agocho do Bico, un marabilloso proxecto gastronómico que nace desde a valente e necesaria decisión de volver ao rural para construír vida no noso territorio.
«Foi unha experiencia única. Ter a oportunidade de que persoas que non te coñecen de nada abran as portas da súa casa, do seu oficio ou do seu negocio para contar a súa historia é algo que dá sentido a todo o proxecto», explica con emoción Jaume Bernabeu, creador, impulsor e financiador desta iniciativa independente.
O obxectivo de ORÍGENS é dar visibilidade e voz ás zonas rurais, amosando de forma visual as historias que moitas veces quedan fóra do foco mediático, todo iso fuxindo do contido rápido e fugaz que impera hoxe en día.
Cando e onde velo?
O capítulo ORÍGENS · A Costa da Morte estrearase este mércores, 22 de xullo, ás 20:00 h de forma totalmente gratuíta e aberta na canle de YouTube Orígens Documental. O enlace tamén estará dispoñible a través das redes sociais do proxecto e do propio Concello.
Dende o Concello de Camariñas animan a toda a veciñanza a non perder esta estrea, a gozalo en familia e a compartilo para que o orgullo polo pobo, a ría e as xentes de Camariñas chegue o máis lonxe posible.