Carballo acolle esta fin de semana o Handball Festival, organizado polas Escolas Balonmán Xiria

3 minutes read

O evento, que celebra a súa décima edición plenamente consolidado, foi presentado oficialmente nas instalacións de Alda Hoteis (antigo Punta del Este), unha das empresas colaboradoras.

A presentación contou cunha ampla representación institucional e deportiva, reflexo do respaldo de todas as entidades implicadas. No acto participaron Jessica Posse, coordinadora do evento; José Antonio Rodríguez Fraga, vicepresidente de Balonmán Xiria; Enrique Camiñas, en representación de Alda Hoteis; Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán; Daniel Barreiro, concelleiro de Deportes, e Daniel Pérez, alcalde de Carballo.

Esta décima edición, como destacaron Jessica Posse e Toñito Rodríguez, destaca polas súas dimensións, cunha previsión de máis de 540 nenos e nenas participantes integrados en equipos de base. A esta cifra hai que sumar a mobilización de preto de un milleiro de familiares que acompañarán aos deportistas durante toda a fin de semana, o que garante un gran ambiente nas bancadas e nas rúas do municipio. Entre as novidades desta edición, ademais do cambio de datas (o Handball víñase celebrando na Semana Santa), destaca a presenza, por primeira vez, de cinco clubs procedentes de Asturias.

A competición arrancará a tarde do venres coas categorías de prebenxamín e biberóns. O sábado, o protagonismo absoluto será para os equipos alevíns e benxamíns, mentres que a xornada do domingo pola mañá servirá de colofón coas fases finais e a tradicional entrega de trofeos e clausura.

Durante a quenda de intervencións, os representantes de Balonmán Xiria agradeceron o apoio tanto da Federación como do Concello e do tecido empresarial local, pezas clave para poder soster loxisticamente un evento deste volume.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Balonmán, o carballés Bruno López, quen fixo un esforzo de axenda para estar presente na presentación, amosouse emocionado ao recordar a súa etapa formativa no club: “Como persoa que se formou e adquiriu valores neste club, sei ben da importancia deste torneo. As Escolas de Balonmán Xiria son unha auténtica escola de vida”, suliñou López, que felicitou á entidade e ao Concello por converter o balonmán base galego nunha referencia.

“O deporte son moitos partidos, moitas horas de adestramento, pero co que te quedas moitas veces é con eses torneos, con esas viaxes, con esas convivencias que son as que verdade te marcan e que demostran que a competición é importante como escola de vida pero este tipo de eventos son o que fai máis grande o deporte”, manifestou Daniel Barreiro.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, pechou o acto incidindo no dobre valor que teñen estas iniciativas para o municipio. “O deporte para nós é importante en si mesmo, pero tamén polo que xera para a vila a nivel económico e social. Xiria e a Federación son un modelo de entender o deporte e a xestión co que concordamos plenamente”, manifestou. Por unha banda, aludiu á a dinamización económica e hostaleira que supón recibir a máis de mil visitantes durante tres días; por outra, puxo en valor o modelo deportivo que defende o concello.

O Handball Festival conta coa colaboración directa do Concello de Carballo e o patrocinio de diversas firmas locais que fan posible dotar de todos os servizos necesarios aos centos de mozos deportistas que pasarán polos pavillóns Vila de Noia e Fogar.