Carballo acolle este sábado unha nova proba de autocross, e xa van 21

1 minutes read

“Carballo está asentado coma referente a nivel galego e mesmo estatal”, dixo o concelleiro de Deportes. Daniel Pérez; o presidente do Club Rally Coruña, Ernesto Rumbo, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a competición, que se desenvolverá a partir das 10.30 h e que contará coa participación de 68 pilotos. As finais disputaranse a partir das 18.00 h.

“Xa van 21 edicións e parece que foi onte”, dixo Ernesto Rumbo, que destacou especialmente o apoio do Concello de Carballo ao longo de todos estes anos e augurou que esta proba “vai ser unha boa festa do motor”.

O presidente do Club Rally Coruña expresou o compromiso da entidade de “seguir dándolle vida ao circuíto e que poidamos seguir desfrutando deste espazo público”, un compromiso moi ben valorado polo alcalde. “Está moi clara a importancia que ten Carballo dentro do mundo do motor, e para que isto siga sendo así temos que seguir contando coas entidades colaboradoras”, dixo. Evencio Ferrero aludiu á importancia que o deporte en xeral e o motor en particular teñen desde o punto de vista do retorno económico para o concello.