Por unha banda, o executivo carballés referendou a concesión de 60.000 euros en subvencións en concorrencia competitiva dirixidas ás principais entidades empresariais e comerciais do municipio:
- Centro Comercial Aberto (CCA) (30.000 €): Mantemento da unidade xerencial, desenvolvemento de campañas de dinamización comercial, plans de fidelización de clientela e accións transversais de formación, publicidade e dixitalización do comercio urbano.
- Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños – AXOBER (30.000 €): Fondos dirixidos á súa campaña de captación e retención de talento, promoción e xestión profesional de redes sociais, asesoramento integral aos socios, o programa estratéxico Construíndo o futuro, xornadas formativas e a organización da coñecida feira do automóbil Berocasión.
Estas axudas contan cun coeficiente de financiamento máximo do 80%, o que significa que cada entidade mobilizará un orzamento mínimo xustificable de 37.500 euros, xerando un investimento inducido total que supera os 75.000 euros no sector comercial e empresarial.
Ademais do apoio ao comercio e á mocidade empresaria, a Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio anual coa Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña (OPTI), dotado con 15.000 euros. Esta entidade, impulsada pola Cámara de Comercio, ten como misión proactiva captar investimentos industriais e tecnolóxicos e favorecer o asentamento de firmas con alto potencial innovador.
A través deste convenio, o Concello de Carballo garante que o Polígono Industrial de Bértoa se posicione como un dos destinos empresariais preferentes e estratéxicos dentro da área de influencia da Coruña, sumando forzas nun plan supramunicipal no que este ano se integra tamén de cheo a área de Ferrolterra.
Entre as actuacións crave que a OPTI financiará grazas a esta subvención en 2026 destacan a promoción activa do polígono carballés, accións directas de prospección para atraer empresas tecnolóxicas e industriais de fóra de Galicia, a organización dun evento e a modernización dixital.
Cunha lectura marcadamente estratéxica, o Goberno municipal manifestou a importancia de ir máis alá do ámbito estritamente local, aliándose con axentes clave para dotar a Carballo dunha maior visibilidade fronte a investidores internacionais e consolidar o noso concello e o eixo Carballo-A Laracha-Arteixo como o gran motor industrial da provincia da Coruña.