A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebra unha nova edición da Festa da Música, cun programa que levará quince concertos a trece concellos da provincia, entre os que se atopan Carballo, Cee, Malpica e Vimianzo, ao longo do mes de xuño. A iniciativa forma parte da conmemoración do Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño, e ten como obxectivo achegar a música galega a públicos de todo o territorio a través dunha programación diversa e de calidade.
A programación comezará os días 5, 6 e 7 de xuño co espectáculo ‘Merendola desconcertante’, do Cuarteto Debiselas, que chegará, entre outros, ao Centro Cívico de Malpica.
O proxecto Traspielas, impulsado por Su Garrido Pombo, ofrecerá un concerto o 21 de xuño no Pazo da Cultura de Carballo.
Anxo Araújo actuará o 27 de xuño no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee.
A programación completarase coa cantante Belém Tajes, que presentará o seu primeiro disco, ‘Amar o mar’, o 19 de xuño no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a Festa da Música é unha mostra do compromiso da Deputación coa creación musical galega e coa descentralización da oferta cultural.