Carballo consolídase como o epicentro da inclusión cunhas multitudinarias xornadas sobre o TEA

3 minutes read

O que comezou como un proxecto ilusionante converteuse xa nunha cita imprescindible e fixa no calendario anual da comunidade educativa galega. Este pasado fin de semana, Carballo volveu brillar con luz propia ao acoller as III Xornadas sobre A Inclusión Socioeducativa (TEA), un espazo de aprendizaxe, empatía e futuro que superou todas as expectativas de asistencia e emoción.

A inauguración oficial correu a cargo de Banesa Martínez, presidenta da asociación Un Paso Máis, e do alcalde de Carballo, Daniel Pérez. Xunto a eles, Marcos Pinaque Varela (relator principal) foron os encargados de dar o pistoletazo de saída a unha xornada que resultaría inesquecible.

Unha marea de compromiso sen importar as distancias

O auditorio rexistrou unha afluencia masiva, con especial protagonismo do profesorado de educación primaria dos colexios de Carballo, pero cunha mobilización importante de profesionais e familias chegados de todos os puntos da xeografía galega. O compromiso coa inclusión non entendeu de distancias nin de temperaturas: mentres algunhas mestras viaxaron desde a capital ourensá ou o corazón das Rías Baixas, o público asistente demostrou unha entrega total. Moitas persoas aguantaron toda a sesión a pesar do intenso calor, e moitas outras adaptaron as súas obrigas e necesidades de conciliación para non perder detalle, fose na xornada de mañá ou na de tarde.

Ademais do persoal docente, as xornadas espertaron un gran interese entre profesionais do ámbito da saúde e, por suposto, entre numerosas familias que buscan estender pontes cara a un sistema máis inclusivo.

Excelencia, talleres prácticos e ovacións pechadas

O profesorado e os relatores convidados superáronse a si mesmos, ofrecendo contidos de altísima calidade que fixeron as delicias de todas as persoas presentes. Tanto as ponencias principais da mañá como os talleres prácticos da tarde —máis enfocados á aplicación directa nas aulas— recibiron eloxios unánimes in situ.

Un dos momentos máis enriquecedores e aplaudidos da xornada veu da man da Asociación ASPABER. Cunha traxectoria de medio século «facendo camiño ao andar», a súa participación resultou enormemente instructiva. As experiencias narradas en primeira persoa polo seu alumnado da FP Dual conmoveron ao público, mentres que as intervencións da súa directora, Dolores Fernández, foron celebradas con ovacións en cada quenda de palabra. Do mesmo xeito, o equipo técnico da entidade —Brais, Susana, Carmen e Marisol— deu mostras da súa enorme cualificación, humanidade e saber facer no día a día.

Tecendo redes de futuro en primeira persoa

O punto máis emotivo do encontro viviuse na mesa redonda, onde Valentín Costa Trillo (organizador da xornada) dou paso aos testemuños directos e as vivencias compartidas que cargaron o ambiente de sensibilidade e optimismo. O silencio respectuoso do auditorio só se vía interrompido polas constantes «choivas de aplausos» que brotaban do público de xeito espontáneo e agarimoso. Clara, Guille e Sheila deron sendas leccións de vida.

A xornada serviu tamén para seguir unindo forzas a nivel autonómico, contando coa presenza de Patricia Davila, presidenta de BarbanTEA, quen se desprazou ata Carballo para continuar tecendo redes de colaboración e apoio mutuo entre entidades.  Por suposto, e é que son fixas nesta cita! tamén acudiron as responsables de PASENIÑO, Alejandra Caamaño e Anabel Piñeiro; esta última foi quen plantou a primeira semente para este tipo de eventos na Costa da Morte hai xa anos.

Próxima parada: «Máis e mellor»

O éxito rotundo desta terceira edición deixa un sabor de boca inmellorable e a certeza de que a inclusión socioeducativa é un camiño sen retorno no que Carballo avanza con paso firme. Despois de escoitar o sentir de todas as persoas asistentes, a organización xa mira ao futuro con optimismo e garante que o ano que vén volverán «con máis e mellor».