Carballo iza as súas bandeiras azuis

3 minutes read

O alcalde, Daniel Pérez, acompañado polo concelleiro de Praias, Miguel Vales, e a concelleira de Sanidade, Maica Ures, asistiu ao izado das tres Bandeiras Azuis outorgadas un ano máis polo organismo internacional ADEAC ás praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal. O persoal do servizo de salvamento e socorrismo encargouse de colocar as tres bandeiras e o distintivo de Sendeiro Azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio, que consolidan o concello como un referente indiscutible de calidade turística e ambiental en Galicia.

O recoñecemento de ADEAC avala o coidado integral e a pureza dun litoral cuxas cinco zonas de baño controladas sanitariamente —Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas— acadaron a máxima cualificación de “excelente” nos informes da Xunta de Galicia. Ademais, Carballo mantense á vangarda sostible ao ser o único municipio da Costa da Morte que conta cos esixentes selos EMAS e ISO 14001 de ecoxestión e prevención da contaminación.

Novos “praia-palés” e zonas de sombra

Co obxectivo de seguir innovando na recollida de residuos e involucrar activamente aos usuarios na protección do medio mariño, o Concello, coa colaboración de varias entidades, instalou esta mesma semana catro praia-palés en puntos estratéxicos da costa. Estas caixas de madeira, fabricadas con palés reciclados, colócanse directamente a pé de praia para que calquera persoa poida depositar de forma sinxela o lixo mariño. Con esta medida, Carballo súmase ao proxecto Clean Ocean co que se pretende sensibilizar e dar facilidades á cidadanía para protexer os océanos.

Así mesmo, nos vindeiros días colocaranse novas zonas de sombra accesibles, que facilitarán o descanso, os accesos e o esparexemento das persoas con dificultades de mobilidade, e que se sumarán ao resto de servizos nunha campaña estival que se prevé de máxima afluencia.

Un verán de transformación en Razo

A colocación das bandeiras coincide cun momento histórico para a fachada marítima de Razo, onde a Demarcación de Costas do Estado executa actualmente unha ambiciosa intervención de máis dun millón de euros para frear a erosión. As obras inclúen o desprazamento cara ao interior da estrada litoral para gañar espazo de area, a creación de sendas peonís con pavimentos naturalizados e a retirada de aparcadoiros en zonas de alta sensibilidade ambiental, que serán compensados coa nova zona de estacionamento que se está a habilitar a menos de cinco minutos a pé do areal.

Dende as concellarías implicadas lémbrase que manter este estándar de excelencia esixe a colaboración activa de toda a cidadanía. O sistema de xestión ambiental municipal pon este ano o foco de xeito especial na protección da píllara das dunas, unha especie vulnerable en plena época de cría.

Froito da preocupación do Concello de Carballo polo medio ambiente, o marisqueo e o uso sostible dos recursos naturais, o goberno municipal volveu urxir esta semana á Xunta de Galicia a intervir de forma urxente para reabrir a lagoa de Baldaio, que está taponada desde o mes de maio e na que se se están a detectar casos de mortandade de peixes.

Lembramos tamén que a presenza de cans nas praias está prohibida desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, e pregamos aos usuarios o máximo respecto polos valados de protección ambiental, así como unha correcta xestión e recollida dos residuos que se xeren durante as xornadas de lecer.