O Concello de Carballo segue a consolidar a súa proxección internacional e o seu compromiso coa democratización do coñecemento. O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, participou en Bruxelas no Beneficiaries Day das accións HORIZON-MSCA-CITIZENS-2025, unha xuntanza clave que reuniu ás entidades europeas beneficiarias deste prestixioso programa da Comisión Europea, no que Carballo participa co proxecto Talento quilómetro cero (TALK0).
Aproveitando a viaxe a Bruxelas, o concelleiro de Innovación achegouse á Fundación Galicia-Europa, onde se entrevistou coa directora da oficina, Ana Ramos, e coa coordinadora de políticas europeas, Vanessa Lobo. Ambas as dúas responsables amosáronse gratamente sorprendidas polas dimensións e a formulación do proxecto TALK0, a iniciativa de divulgación científica coa que Carballo logrou captar 350.000 euros de financiamento da Unión Europea para un período de 24 meses.
Durante este encontro, as representantes galegas en Bruxelas comprometéronse non só a colaborar no desenvolvemento de TALK0, senón tamén a darlle a máxima difusión institucional. De feito, trasladaron o seu interese en situar a iniciativa do Concello de Carballo como un referente e un modelo de proxecto piloto.
A este respecto, o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, amosou a súa gran satisfacción polo recibimento do proxecto en Bruxelas: “Que as institucións europeas se fixen no noso modelo de divulgación e que queiran poñer Carballo como exemplo de proxecto piloto a nivel comunitario demostra que o traballo que facemos desde o ámbito local ten un impacto real e unha calidade internacional. Con TALK0 non só queremos achegar a ciencia de vangarda á nosa veciñanza, senón situar a Carballo como un referente europeo na democratización do coñecemento”.
Xa no marco estrito da xornada de traballo organizada pola European Research Executive Agency (REA), o edil de Innovación participou en sesións orientadas a fixar as directrices de comunicación, a identidade visual e boas prácticas comunitarias.
A viaxe a Bruxelas serviu tamén para estreitar lazos con outros socios internacionais. A delegación carballesa mantivo unha xuntanza técnica de traballo compartida coas responsables do proxecto serbio Heart Project, co obxectivo de resolver dúbidas comúns na xestión de fondos e poñer en común as estratexias de execución.
Así mesmo, avaliáronse casos de éxito xa testados no ámbito europeo, como o da Universidade de Kiel (Alemaña), que conta con liñas de actuación moi similares ás que se van implementar en Carballo, especialmente enfocadas na captación e participación activa de persoal investigador a través dun proceso de selección ou casting.
Sobre TALK0
O proxecto TALK0 foi seleccionado no prestixioso marco das accións Marie Skłodowska-Curie, destinadas a fomentar a educación científica e a participación cidadá na investigación, especialmente a través de fitos como a Noite Europea das Persoas Investigadoras.
Esta ambiciosa iniciativa está impulsada polo propio Concello de Carballo en alianza coa Universidade da Coruña (UDC), a Academia Joven de España, a empresa Nauterra (Grupo Calvo) e a asociación empresarial Axober, unha colaboración público-privada que persegue catro grandes piares estratéxicos:
- Poñer en valor o talento investigador de “quilómetro cero”.
- Achegar a ciencia á cidadanía e ao alumnado dos centros educativos de todo o municipio.
- Visibilizar a innovación que xeran as empresas locais.
- Conectar de forma directa a investigación, o tecido empresarial e o propio territorio.
Con esta inxección de fondos e a proxección colleitada hoxe en Bruxelas, Carballo demostra que os concellos medianos teñen o músculo e a capacidade necesarios para liderar proxectos de innovación e divulgación con selo e impacto europeo.