Carballo celebrará o domingo 24 de maio a segunda edición do Feirón en rede “Carballo solidario”, que estaba previsto para o 12 de abril e tivo que ser adiado polo mal tempo. A iniciativa que busca poñer en valor o traballo das entidades sociais do municipio e achegalo á cidadanía nun espazo aberto, participativo e dinámico.
O escenario da actividade será a Praza do Concello, na que se darán cita 14 entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello: AECC, ALCER, Fundación Érguete Integración, Cruz Vermella, Un Paso Máis, O Legado de Max, Afaber, Cáritas, Aspaber, APEM, Íntegro, Vieiro, Lenda Educativa e Senegaleses Carballo.
Durante a xornada, que arrincará ás 10.30 horas, cada entidade disporá dun posto no que poderá dar a coñecer o seu traballo, ofrecer información e desenvolver actividades de sensibilización dirixidas ao público asistente, entre elas un obradoiro de reutilización de redes da pesca, unha exhibición de música do Senegal ou un taller de chapas.
Este ano tamén se leva a cabo de xeito paralelo a exposición Que pasaría se non existisen as entidades sociais?, que pode verse na propia Praza do Concello. Trátase dunha iniciativa pensada para reflexionar sobre o papel esencial que desempeña o tecido asociativo na sociedade e para facer visible o impacto real do seu traballo no día a día da veciñanza.
O programa completarase cun servizo de canguraxe e animación infantil, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias, así como cunha actuación musical a cargo da Charanga Benofán, que contribuirá a dinamizar o ambiente durante a mañá.
Con esta iniciativa, o Concello de Carballo continúa apostando polos Feiróns en rede como espazos de encontro, colaboración e visibilización dos sectores e colectivos que desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento social do municipio.