Celebrada unha nova edición do Torneo de Fútbol Base de Cerceda

1 minutes read

As instalacións do complexo deportivo do Roxo acolleron con gran éxito unha nova edición do Torneo de Fútbol Base organizado polo Concello de Cerceda. O evento consolidouse como unha das citas de referencia do deporte base na comarca, superando todas as expectativas con récord de participación: 52 equipos e preto de 1.000 nenos e nenas, fronte aos 40 equipos e 650 participantes da edición de 2024.

A competición, que se desenvolveu de xeito ininterrompido entre as 10:00 e as 20:00 horas durante toda a fin de semana, encheu os campos do Roxo de entusiasmo, deportividade e convivencia. Centos de familias, xogadores e adestradores desprazáronse ata Cerceda para desfrutar dunha xornada que combinou deporte, valores e comunidade.

Nesta edición participaron 18 clubs: CA Cercedense, SDC Ordes, ED O Dolmen, UD Carral, UD Paiosaco, Atlético Arteixo, SE Abella, Sporting Cambre, UD Coristanco, Xuventude Laracha, Trazo CF, Resmón CF, San Tirso, Sporting Coruñés, Sporting Burgo, Portazgo SD, SD Dubra e SD Sofán.

Unha das grandes novidades deste ano foi a incorporación das categorías infantil e cadete, que se sumaron ás xa habituais prebenxamín, benxamín e alevín. Esta ampliación foi moi ben acollida polos clubs participantes e permitiu que o torneo medrase tanto en número como en calidade competitiva.

Na entrega de trofeos de ambas xornadas participaron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e o edil de Deportes, Óscar Golán. Ambos destacaron o éxito da convocatoria e agradeceron o traballo conxunto entre o Concello, os clubs e as persoas voluntarias que fixeron posible esta celebración do deporte base.