O Concello de Ponteceso e o Centro de Formación Colaxe de Laxe convocan unha charla informativa dirixida ás persoas interesadas en traballar no ámbito dos coidados e da atención a persoas maiores.
Ponteceso contará proximamente cunha nova residencia de maiores que demandará profesionais con formación en Atención sociosanitaria a persoas dependentes. Por este motivo, a reunión informativa será unha boa oportunidade para coñecer de primeira man os procesos de formación gratuíta dispoñibles neste ámbito profesional.
Ás charlas poderán acudir tanto persoas desempregadas como traballadoras en activo, xa que se trata dunha oportunidade para mellorar as aptitudes laborais nun sector que conta cunha importante demanda de emprego.
As sesións terán lugar no salón de actos do Concello de Ponteceso o vindeiro 10 de setembro, en dúas quendas: ás 11:00 e ás 17:00 horas.
