Clausuradas tres das actividades do programa municipal carballés ‘Remocea’

1 minutes read

O salón de plenos do Concello de Carballo quedou pequeno como poucas veces no acto de clausura de tres das actividades centrais do programa municipal Remocea: os talleres de estimulación cognitiva (memoria), as actividades lúdico-formativas e a escola de informática. Máis de 200 veciños e veciñas —das 310 persoas que participaron en total nestas tres áreas desde o pasado mes de outubro— déronse cita nesta emotiva xornada de recoñecemento ao seu esforzo e dedicación.

Durante o acto fíxose entrega dos diplomas acreditativos a un alumnado que, segundo destacaron as propias monitoras dos distintos grupos, sobresaíu polo seu “alto grao de implicación e capacidade de aprendizaxe” ao longo de todo o curso.

O alcalde, Daniel Pérez, tomou a palabra para agradecer a masiva participación e manifestar o firme compromiso do goberno local coa continuidade e reforzo deste tipo de actividades. Pola súa banda, a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, incidiu no impacto social do programa, subliñando “a importancia de manter unha vida activa” e o moito que axuda o Remocea a “combater a soidade non desexada” ao crear espazos de encontro e convivencia.