COGAMI quere chegar ás 11.205 mozas e mozos con discapacidade de Galicia

3 minutes read

COGAMI lanza unha campaña de sensibilización e captación de talento de mozas e mozos para dar a coñecer o Servizo de Emprego entre a xente nova con discapacidade e facilitar o seu acceso aos recursos de orientación, formación e acompañamento laboral que ofrece a entidade.

A iniciativa xorde tras analizar os datos da bolsa de emprego de COGAMI e comparalos coa realidade da mocidade con discapacidade en Galicia. Segundo datos da Consellería de Política Social e Igualdade, na comunidade hai 11.205 persoas con discapacidade de entre 16 e 29 anos. Pola súa banda, COGAMI ten rexistradas na súa bolsa de emprego 870 persoas con idades comprendidas entre 18 e 29 anos, o que representaría o 8 % da base de datos da Xunta.

Destas 870 persoas mozas, o 62 % son homes  e o 38 % mulleres. Para a coordinadora do Servizo de Emprego de COGAMI, Mari Carmen Ínsua, estas cifras amosan que existe unha parte importante da mocidade con discapacidade que pode contactar coa entidade. “Sabemos que moita xente coñece os nosos servizos, pero tamén hai persoas que descoñecen que poden contar con nós”, explica Ínsua. Por iso, o obxectivo da campaña é visibilizar os recursos dispoñibles e transmitir á mocidade que COGAMI pode acompañala na súa procura de emprego e no desenvolvemento do seu itinerario profesional.

Acompañamento adaptado a cada persoa

O Servizo de Emprego de COGAMI ofrece orientación laboral, formación e información para apoiar as persoas ao longo do proceso de incorporación ao mercado laboral. O traballo comeza cunha análise da situación de partida, na que se identifican as necesidades e os intereses de cada persoa para establecer un plan de actuación adaptado ao seu obxectivo profesional.

A partir de aí, realízase un seguimento dos pasos que vai dando, revisando e adaptando o itinerario cando é necesario. “Dende COGAMI ofrecemos acompañamento personalizado que lle permite á persoa avanzar cara ao seu obxectivo laboral”, sinala a coordinadora.

No caso da mocidade, a formación ocupa un lugar destacado. Segundo os datos das persoas mozas inscritas na bolsa de emprego de COGAMI, o 43 % non conta con formación, mentres que só o 4 % ten unha titulación universitaria. Ademais, o 23 % ten estudos da ESO, o 14 % conta cun ciclo de grao medio, o 10 % cun ciclo superior e o 6 % ten o bacharelato.

Estas cifras poñen de manifesto a importancia de facilitar o acceso a diferentes oportunidades formativas, tanto a través de estudos regrados como de cursos que permitan adquirir competencias técnicas, coñecer ocupacións e prepararse para o futuro profesional.

“O fundamental é que cada persoa poida construír o seu itinerario formativo e profesional en función dos seus intereses, capacidades e obxectivos”, destaca Mari Carmen Ínsua. A coordinadora do Servizo de Emprego de COGAMI describe o mercado laboral actual como un ámbito cada vez máis competitivo, no que as ocupacións evolucionan e os coñecementos requiridos están en constante transformación. A incorporación de novas ferramentas, como a intelixencia artificial, tamén está a modificar procesos e a introducir novas posibilidades no ámbito laboral.

O acceso ao emprego, ademais, vai máis alá da incorporación ao mercado laboral. “O traballo contribúe á autonomía persoal e económica e amplía as posibilidades de tomar decisións e participar activamente na sociedade”, explica Ínsua. Ter un emprego pode facilitar o acceso a unha vivenda, ao lecer, ás actividades culturais, ás viaxes e a outras experiencias que forman parte dunha vida plena e independente.

A mocidade, protagonista da campaña

Para achegar esta mensaxe á mocidade, COGAMI contou coa colaboración de dúas persoas novas, Miriam Baleato e Santiago Facorro, que comparten a súa experiencia e opinión. A súa participación busca favorecer a identificación coas mensaxes da campaña e dar a coñecer os recursos da entidade dende unha perspectiva próxima á realidade da mocidade.

A difusión realizarase principalmente a través das redes sociais, complementada coa colocación de carteis en espazos frecuentados por este público, como universidades, centros educativos, bibliotecas universitarias e outros lugares de encontro das mozas e mozos.

Con esta iniciativa, COGAMI quere estar presente alí onde está a mocidade, ofrecerlle información clara sobre os recursos dispoñibles e facilitar que saiba como contactar coa entidade para iniciar o seu itinerario laboral.