Os GALP de Galicia visitan Brión como modelo de referencia de espazo colaborativo de éxito

2 minutes read

Case medio cento de representantes de sete dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia visitaron este luns as instalacións do coworking “Transformando en Brión”, considerado como experiencia singular e exitosa de colaboración público-comunitaria en Galicia especializada en produtos agrícolas. Unha visita incluída no proxecto de cooperación “Feito co Mar”, que busca impulsar novas oportunidades de emprendemento e innovación arredor da transformación e valorización dos produtos pesqueiros.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Guarina Rey, foi a encargada de dar a benvida aos case medio cento de representantes dos sete GALP de Galicia presentes: A Mariña Ortegal, Costa da Morte, Ártabro Norte, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Sur e Costa Sostible. Entre eles, había integrantes do sector pequeiro, dos distintos concellos e confrarías de toda Galicia. Guarina Rey puxo en valor o modelo de xestión das instalacións do coworking “Transformando en Brión”, promovidas polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela e que son autoxestionadas polos produtores locais de Brión e contorna a través da Asociación Daquí Darredor, representada hoxe por Carmen Freire, fundadora e dinamizadora do proxecto.

Proxecto a seguir

“Estas instalacións demostran os resultados que se poden obter cando o tecido asociativo e as Administracións camiñamos da man, fomentando a economía local e de proximidade a través da elaboración de produtos de calidade que se elaboraran, se etiquetan e comercializan neste espazo colaborativo de Montebalado, en Brión”, salientou Guarina Rey. Un punto que compartiu Luís García, coordinador do proxecto “Feito co Mar”, quen explicou que o programa persigue ofrecer unha formación teórica e práctica que “serva de inspiración para poñer en marcha na costa un espazo de transformación e valorización do produto pesqueiro”, semellante ao que funciona en Brión en produtos agrícolas.

Durante a xornada, tanto Carmen Freire como outras integrantes da Asociación Daquí Darredor explicáronlles aos presentes o funcionamento das instalacións, os equipamentos e maquinaria dispoñibles, a organización dos espazos de traballo, as canles de comercialización, as garantías sanitarias e as últimas novidades, algunhas das cales mesmo puideron degustar durante a mañá. Na actualidade, a asociación conta con máis de 270 persoas que superaron o curso formativo imprescindible para a utilización destas instalacións, das que máis dun centenar elabora produtos de xeito cotiá en Brión.

Entre as conclusións da xornada, Guarina Rey destaca que “espazos colaborativos como Transformando en Brión son exemplo dunha nova forma de emprender, onde os Concellos deixamos de actuar unicamente como financiadores dun proxecto senón como facilitadores de oportunidades, apoiando modelos nos que as propias persoas emprendedoras son as que participan activamente na posta en marcha e xestión do proxecto”.