Este xoves, 14 de maio, comezarán as obras de reurbanización integral da rúa Compostela, no treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, cun proxecto que permitirá mellorar a accesibilidade, renovar as infraestruturas urbanas e crear un espazo público máis amable e funcional para a veciñanza.
A actuación, financiada pola Deputación da Coruña cun orzamento de 211.266,61 euros, responde á estratexia municipal de posta en valor do espazo urbano e de promoción dunha mobilidade máis segura e sostible.
O proxecto inclúe a ampliación e renovación das beirarrúas, que pasarán a ter un ancho mínimo de 1,95 metros, garantindo así o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Ademais, adaptaranse os pasos de peóns existentes e mellorarase a seguridade viaria no conxunto do tramo.
Tamén se levará a cabo unha profunda renovación das redes de servizos urbanos: saneamento de fecais e pluviais, canalización de telecomunicacións e iluminación pública. Estas melloras permitirán modernizar infraestruturas fundamentais e mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos.
No ámbito da mobilidade e da humanización urbana, eliminarase a zona de aparcamento da marxe esquerda da vía e crearanse novas zonas verdes na marxe dereita, co obxectivo de xerar espazos de estancia e esparexemento para a cidadanía. O proxecto inclúe tamén novo mobiliario urbano, a plantación de árbores e a instalación de papeleiras e cubre-contedores renovados.
Por último, procederase á renovación do firme da calzada e da sinalización horizontal e vertical, mellorando deste xeito as condicións de circulación e seguridade para vehículos e peóns.
A empresa adxudicataria dos traballos é Canarga e o prazo estimado de execución será de seis meses. Durante a execución das obras, o tráfico rodado de entrada en Carballo poderá desviarse tanto por Emilio González López coma por José María Castroviejo, mentres que o de saída terá como alternativas a avenida da Milagrosa e a rúa Verdillo.
Con esta actuación, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, continúase avanzando na transformación urbana da vila, apostando por espazos públicos máis accesibles, sostibles e pensados para as persoas.