O Concello de Camariñas comezou as obras de humanización da rúa Sofía Rivas, enmarcadas dentro da primeira fase do Plan Milleira. Esta intervención ten como obxectivo principal rexenerar esta contorna e solucionar o grao de deterioración que presentaba a vía, o cal estaba a impedir o seu uso normal e seguro tanto para peóns como para o tráfico de vehículos.
A execución destes traballos supón un investimento total de 51.229,55 euros, unha contía que está integramente financiada con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña.
Para dar solución ás deficiencias da rúa e mellorar a calidade de vida da veciñanza, o goberno local apostou por un deseño moderno que prioriza ao peón. A obra principal consistirá na creación dun pavimento continuo en toda a superficie da vía, deixando o acabado ao mesmo nivel a modo de plataforma única.
Este novo firme executarase mediante formigón armado e contará cun acabado superficial puído, previo estendido de po de cor negra para mellorar a súa integración estética na contorna. Deste xeito, o Concello garante que a rúa Sofía Rivas resulte totalmente accesible para todas as persoas, eliminando calquera barreira arquitectónica e facilitando o tránsito, moi especialmente, para aquelas con mobilidade reducida.
Ademais da rexeneración da superficie, o proxecto contempla, de xeito previo aos traballos de pavimentación, a renovación integral da rede de saneamento. Así mesmo, aproveitarase a apertura das gabias para instalar unha nova rede paralela destinada exclusivamente á recollida e evacuación das augas pluviais, creando un sistema separativo que mellorará notablemente a xestión e a eficiencia do servizo da auga na zona.