Representantes do Concello da Laracha, da Subdelegación do Goberno e dos diferentes corpos de seguridade participaron este xoves nunha sesión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade para planificar o operativo de seguridade e mobilidade con motivo do eclipse do vindeiro 12 de agosto, unha cita que se agarda atraerá un importante número de visitantes ao municipio, especialmente á vila de Caión. A sesión celebrouse por solicitude do Concello.
Por parte municipal participaron o alcalde, José Manuel López Varela; o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito; a concelleira de Turismo, Patricia Bello, e o cabo da Policía Local, Víctor Vilanova; ademais do tenente xefe accidental da 5ª Compañía da Guardia Civil de Carballo, Alberto Casal, e o sarxento do posto da Guardia Civil da Laracha, Miguel Rodríguez Monelos. Copresidiu a sesión o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e contouse tamén coa participación do subinspector da Policía Autonómica na Coruña, Juan Antonio García.
Durante a reunión, o alcalde expuxo os tres espazos estratéxicos identificados polo Concello dadas as súas excelentes condicións para a observación do fenómeno combinada coa posibilidade de aparcamento que ofrecen. Trátase do Castro de Montes Claros, cunha capacidade estimada dunhas 700 persoas; o miradoiro de Santa Marta, onde poderían concentrarse arredor de 500 persoas; e, especialmente, Caión, tanto na praia como ao longo do paseo marítimo, desde a cetaria ata a zona de Saldoiro, onde se prevé que poidan acudir ata 6.000 persoas dado que será un dos lugares de referencia para seguir o eclipse ao tratarse dun dos lugares con maior tempo de visualización do fenómeno.
É por iso que entre as medidas acordadas figura a regulación dos accesos á vila de Caión. Así, desde aproximadamente tres horas antes do eclipse -previsto arredor das 20:20 h-, en canto se detecte a saturación da capacidade de estacionamento, procederase ao corte do acceso desde a glorieta da estrada provincial DP-0514. A partir dese momento derivarase aos vehículos ao aparcamento disuasorio xunto ao pavillón polideportivo de Xermaña, desde onde funcionará un servizo gratuíto de autobús lanzadeira ata a Praza Eduardo Vila Fano.
O operativo tamén contemplará unha maior presenza das forzas e corpos de seguridade, a coordinación dos servizos de emerxencias e unha campaña informativa nas xornadas previas para explicar as medidas á cidadanía.
Ademais, acordouse manter operativo o servizo de salvamento e socorrismo da praia de Caión ata despois da finalización do eclipse, ampliando o horario habitual coa fin de garantir a seguridade das persoas que permanezan no areal para contemplar o fenómeno.
O alcalde concluíu animando á cidadanía a desfrutar deste acontecemento excepcional con responsabilidade e seguindo en todo momento as indicacións das forzas e corpos de seguridade e do persoal do operativo para contribuír ao seu correcto desenvolvemento. Así mesmo, agradeceu a implicación e a colaboración de todas as administracións, servizos de emerxencias e efectivos que participarán no dispositivo.