Concello de Ponteceso e Xunta reforzan a loita contra os incendios coa instalación de 11 novos puntos de auga no municipio

1 minutes read

O Concello e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia continúan sumando esforzos en materia de loita contra os incendios. Así o confirma o alcalde, José Manuel Mato, que apunta que nas próximas semanas se concluirá a instalación de 11 puntos de auga distribuídos por diferentes zonas do municipio, unha actuación que permitirá mellorar a capacidade de resposta dos servizos de emerxencia. O rexedor agradece a «enorme colaboración da Consellería, esencial para previr situacións como as que vivimos hai un ano no municipio».

A actuación supón, ademais, unha ampliación significativa do proxecto inicial. Nun primeiro momento estaba prevista a execución de sete puntos de auga, pero finalmente serán 11 as infraestruturas que conformarán esta rede estratéxica de abastecemento.

A localización de cada un destes puntos responde a un estudo técnico previo co obxectivo de garantir a súa máxima eficacia. Para a súa implantación tivéronse en conta aspectos como a existencia de caudal suficiente para asegurar tanto o abastecemento habitual como a dispoñibilidade de auga en situacións de emerxencia. Do mesmo xeito, seleccionáronse espazos que facilitan o acceso, estacionamento e manobra dos vehículos de extinción.

Dos once puntos, tres están situados en Corme e Corme Aldea: un en dirección O Cairo, outro na pista que conecta coa Ermida e o terceiro para dar servizo ás zonas de Froxán, Guxín e Gondomil. En canto aos demais, hai un en cada unha das seguintes parroquias: Brantuas, Cospindo, Graña, Cores, Pazos, Langueirón, Tella (no polígono industrial) e Anllóns.