O Concello de Zas e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos recolleron máis de 1.200 recursos de reposición nos que se solicita a anulación do permiso de investigación mineira que afecta ao concello de Zas e, en concreto, ao núcleo de Fornelos. O obxectivo desta recollida é trasladarlle á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a oposición ao posible proxecto.
Parte destes recursos foron entregados no Rexistro Xeral da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña por Manuel Muíño, alcalde de Zas, e Rocío Romar, directiva da Asociación A Fonte de Fornelos, que promoveron conxuntamente esta iniciativa co obxectivo de canalizar a oposición da veciñanza a un proxecto que consideran prexudicial para o territorio, o medio ambiente e a calidade de vida da poboación.
Esta acción dá continuidade ao traballo iniciado tras a reunión informativa celebrada a inicios de xuño en Fornelos, na que Concello e Asociación acordaron establecer unha fronte común ante a autorización concedida pola Xunta de Galicia para a realización de traballos de investigación mineira. Daquela, ambas entidades puxeron á disposición da cidadanía un modelo de recurso de reposición para facilitar a presentación de alegacións individuais contra esta resolución administrativa.
Destácase a elevada participación veciñal nesta iniciativa e agradécese a implicación das persoas que decidiron exercer o seu dereito a presentar recurso. A recollida de máis de 1.200 recursos é unha mostra clara do rexeitamento social que existe fronte a este proxecto e da preocupación que comparte a veciñanza polo futuro do noso territorio.
Fornelos e o conxunto do municipio de Zas teñen un enorme valor ambiental, paisaxístico e produtivo que se debe preservar. Estase a falar dun modelo de desenvolvemento baseado no sector agrogandeiro, no aproveitamento sostible dos recursos e na calidade de vida das persoas que viven aquí, e está claro que unha explotación mineira coma esta é un atentado contra ese modelo de desenvolvemento.
O permiso de investigación non pode entenderse como un trámite menor, xa que supón o primeiro paso dun procedemento que podería desembocar nunha futura explotación mineira. Por iso, é fundamental trasladar ás administracións competentes a voz da veciñanza e defender con firmeza os intereses do concello e da asociación.
Tanto o Concello como a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos reiteran o seu compromiso de continuar traballando de maneira coordinada para defender os intereses da veciñanza e promover todas aquelas accións que contribúan á protección do territorio e do seu futuro.