A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana e o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Domínguez, acordaron paralizar o trámite de reversión ao Estado de terreos portuarios que non rexistran actualmente actividade sectorial solicitado polo Concello dado que parte deste solo forma parte da proposta do porto mixto na que está a traballar o ente público.
O encontro enmarcouse na rolda de reunións que Portos de Galicia está a manter cos Concellos que solicitaron a reversión ao Estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria a fin de que o Goberno central poida decidir cedelos ás administracións locais para o seu uso municipal. Tras valorar a proposta do Concello de Corcubión sobre a delimitación do terreo susceptible de ser declarado innecesario para Portos de Galicia, Botana explicou que parte deste solo coincide co proposto para a creación dun porto mixto que ven demandando o sector portuario de Corcubión. Ambos mandatarios coincidiron en que dada esta demanda social non procede a declaración de innecesariedade.
Botana anunciou ademais que namentres non se produzan máis avances no proxecto do novo porto, avaliarase a posibilidade de asinar un convenio co Concello para acondicionar o terreo e utilizalo como aparcadoiro público, sempre que sexa compatible e non interfira na actividade profesional pesqueira.
