Este luns día 13 ás 19:30 horas nunha finca privada a carón da Chousa Grande (en Soandres), a veciñanza da Laracha está convocada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha a realizar unha cadea humana reivindicativa, para seguir amosando o seu rexeitamento ao proxecto de planta de biogás que se pretente instalar na parroquia de Soandres.
‘Non imos parar, manteremos viva a nosa loita ata que este proxecto se paralice’- afirman dende a Plataforma-. Despois dun proceso de alegacións, de numerosas reunións con entidades, expertos e institucións públicas, e dunha manifestación histórica na Laracha, a veciñanza continuará con diversas actividades e accións como o actual proceso de creación dunha Asociación veciñal, ecoloxista e cultural, así como asesoramentos legais e xurídicos para loitar por todas as vías contra este proxecto.
Á preocupación inicial hai que sumar agora, afirman, o grave problema de seca e da falta de caudal continuo, no punto do río Anllóns onde a planta de biogás chegaría a verter o equivalente a 2.000 camións cisterna de residuos líquidos, co grave impacto que suporía para o propio río, a súa biodiversidade e á saúde de milleiros de persoas das poboacións dos concellos que atravesa o Anllóns e que usan a auga deste río.