Corcubión aposta pola vivenda pública como eixe para revitalizar o seu Casco Histórico

2 minutes read

O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, e o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade, Francisco Santiago, mantiveron este mércores 13 de xullono edificio administrativo da Xunta na Coruña unha xuntanza de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a Directora Territorial de Vivenda na Coruña, Begoña Freire, para impulsar a estratexia «Corcubión Habitable».


O goberno municipal de Corcubión trasladou á conselleira que considera como unha prioridade absoluta aVivenda Pública Protexida, situando a oferta de vivenda pública como o punto de partida irrenunciable para garantir o futuro da vila. O plan operativo prevé a posta en marcha de 26 vivendas de protección pública (VPP), que se dividen na construción urxente de 20 unidades de obra nova nun solar que ofrece o Concello,e na rehabilitación de 6 inmobles municipais situados no edificio dos xulgados. Para blindar o retorno social deste proxecto, todos os activos quedarían adscritos ao Patrimonio Público do Solo (PPS) municipal, evitando a especulación e facilitando o acceso ao fogar a novos residentes. Martínez Allegue comunicou ao alcalde que están valorando a proposta municipal, e que existe a posibilidade de solicitar subvencións autonómicas.


Así mesmo, o equipo de goberno de Corcubión aposta pola Humanización da Praza Castelao, cun investimento de 250.000 euros.Como piar complementario para facer habitable o centro histórico, o Concello solicitou á administración autonómica un
investimento estratéxico de 250.000 euros. Esta partida destinarase exclusivamente á reforma integral da contorna da Praza Castelao, co obxectivo de transformar este espazo emblemático nunha zona urbana peonil de alta calidade que realce os valores da vila como Ben de Interese Cultural (BIC).


O goberno local tamén adquire o compromiso coa accesibilidade en Agra da Ribeira.Para elo, trasladou a Martínez Allegue a súa preocupación pola accesibilidade ás vivendas na urbanización Agra da Ribeira. Os representantes municipais incidiron en que o modelo de humanización de Corcubión debe ser inclusivo, garantindo solucións técnicas que faciliten o día a día da xente maior e das persoas con mobilidade reducida nunha das zonas máis poboadas do municipio.


O alcalde de Corcubión sinalou que a reunión coa conselleira e a delegada territorial transcorreu con total cordialidade. “Quedamos en seguir falando para seguir abordando de cara o futuro os temas expostos”, manifestou Xabier Domínguez.