Corcubión xa ten listo o borrador cos cambios na ordenanza sobre tráfico

2 minutes read

O grupo de goberno do BNG deulle traslado do texto aos grupos da oposición da modificación da Ordenanza de Tráfico cumprindo así o seu compromiso de diálogo e man tendida para avanzar na humanización da vila.

O mercores día 11de marzo o Grupo de  Goberno do Concello, dou traslado aos grupos da oposición (PSOE, PP e Sempre Corcubión) do borrador da modificación da Ordenanza sobre tráfico, circulación de vehículos a motor, seguridade viaria e utilización das vías públicas.

Desde o Goberno local afirman que con este paso, cumpren coa súa promesa para que poidan estudar o texto con tempo suficiente e detemento e aporten as achegas pertinentes co ánimo de seguir construíndo un pobo máis amable para as persoas. O obxectivo das modificacións é establecer medidas con permanencia no tempo para mellorar a convivencia nas rúas, protexer o patrimonio e garantir un espazo público máis seguro e habitable para a veciñanza, ante a presión do tráfico de vehículos que sofre o seu casco histórico.

A ordenanza desenvolve ferramentas que xa estaban contempladas na normativa municipal anterior e que permiten mellorar a xestión e a ordenación do tráfico no municipio. Entre as novas medidas, incorporase a posibilidade de contar cun vixiante municipal, figura que se regula la Lei de policía local de Galiza, para que os concellos que non teñen posiblidade de ter un corpo de policía local, poidan contar con personal con funcións de ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no solo urbano legalmente delimitado.

O goberno local quere levar ao pleno ordinario de maio,  a modificación da ordenanza, para quepoda ser estudiada con tempo  polos partidos da oposición e que poida entrar en vigor e aplicarse neste verán. Os grupo da oposición teñen agora tempo sobrado para revisala, e dar o visto bo ou propoñer outras alternativas na búsqueda dunha humanización que precisa consenso e que xa non mira para atrás.