Corenta mozos laracheses participan na experiencia multiaventura organizada polo Concello en Pena Aventura Park

1 minutes read

Corenta mozos laracheses de entre 13 e 18 anos de idade participan nestes días na experiencia multiaventura organizada polo Concello en Pena Aventura Park, situado na localidade portuguesa de Ribeira da Pena. A actividade, para a que se cubriron todas as prazas ofertadas, está a permitir aos participantes gozar durante dúas xornadas dunha ampla variedade de propostas de aventura, lecer activo e convivencia nun entorno natural.

Ao longo da estancia realizaron un circuíto de habilidades de altura entre as copas das árbores, puxeron a proba a súa habilidade ao volante de karts, participaron nun simulador de barranquismo de río con saltos, lanzáronse en tirolina desde unha altura de 150 metros, xogaron ao paintball e descenderon 700 metros subidos a coches estilo tobogán mentres desfrutaban desde a altura das paisaxes da montaña de Lamelas e da vila de Ribeira da Pena. A programación completouse cunha festa temática con música para favorecer a convivencia entre os participantes.

Esta experiencia forma parte da programación municipal de verán impulsada polo Concello, que durante os meses estivais ofrece unha ampla variedade de propostas culturais, deportivas e recreativas pensadas para todos os públicos e cunha atención especial aos nenos e aos mozos.

O alto interese espertado por esta actividade, unha das principais novidades da programación deste ano, pon de manifesto a boa acollida que teñen este tipo de iniciativas de ocio activo entre a mocidade larachesa.