Coristanco destina máis de 139.000 euros para a mellora da rede viaria nas parroquias de Oca e Agualada

1 minutes read

O Concello de Coristanco inicia o plan de actuacións para mellorar da capa de rodadura de varios viales nas parroquias de Oca e Agualada.

O plan de actuacións, que conta cun investimento de 139.793 euros, conta co apoio do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2026/27 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Deste xeito, AGADER achega 83.234 euros este compendio de obras, mentres que o restante finánciase a través de fondos propios municipais.

As actuacións contemplan a limpeza de cunetas, o bacheo, a ampliación do ancho e adecuación da calzada, a aplicación dunha capa de rodadura de 5 centímetros de espesor e a renovación da sinalización horizontal.

Estes traballos teñen como obxectivo mellorar o estado de conservación dos viais, facilitar a circulación e incrementar a seguridade viaria, especialmente nunha rede de camiños que dan servizo aos núcleos e ás parcelas agrícolas das parroquias de Oca e Agualada.

O proxecto contempla as seguintes intervencións:

  • Oca (núcleo): 563 metros.
  • Viais en Agrilloi: 860 metros.
  • Vial de Miñata – Canal – Podrizo: 985 metros.

O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose,destacou que “estas obras responden a unha necesidade das nosas parroquias” e engadiu que o goberno local segue “investindo no rural para continuar mellorando a mobilidade e a seguridade viaria do municipio”.