Coristanco incorpora un novo vehículo patrulla para a Policía Local

1 minutes read

A Policía Local de Coristanco xa conta cun novo vehículo patrulla, substituíndo ao anterior coche que contaba con máis de 23 anos de servizo.

A incorporación deste novo vehículo responde ao obxectivo do Concello de modernizar e mellorar os medios da Policía Local e ofrecer un coche máis moderno, seguro, fiable e eficiente.

Este novo SUV incorpora a insignia ambiental ECO e ofrece unhas características adaptadas ás necesidades actuais do servizo policial. A súa incorporación, ademais, permitirá reducir os custos de mantemento e o consumo enerxético.

Desde o goberno local destacan que a renovación deste vehículo responde a unha necesidade real e pendente, e que permite dotar á Policía Local dos medios necesarios para garantir a prestación dun servizo esencial para a veciñanza.

A mellora dos medios materiais súmase ás actuacións realizadas polo executivo para reforzar o propio departamento da Policía Local, coa recente incorporación dun novo axente e a previsión de seguir cubrindo as prazas vacantes nos vindeiros orzamentos.