O proceso de participación aberto para a avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte chega ao seu final.
Despois de desenvolver diferentes espazos de participación coas entidades do territorio, para facer unha valoración do traballo desenvolto polo GALP na xestión do programa de axudas do FEMPA, é o momento de facer a presentación dos resultados que se obtiveron no contacto mantido coas confrarías, concellos, asociacións de redeiras e diferentes axentes do territorio.
O Foro é un espazo aberto no que calquera persoa ou entidade do territorio pode participar para escoitar de primeira man cales foron os logros no traballo realizado polo GALP, dende o inicio deste período de programación. Tras tres anos de aplicación do FEMPA, o Grupo demostrou unha elevada capacidade de xestión, converténdose nun dos principais axentes dinamizadores do territorio.
Os resultados obtidos evidencian que o GALP conseguiu activar de maneira progresiva os mecanismos de execución da estratexia, acadando un volume de execución financeira do 39,12% do total da EDLP e un nivel de gasto comprometido próximo ao 58% do orzamento dispoñible. Estes datos permiten concluír que o ritmo de implementación do programa é moi satisfactorio, se ben cómpre seguir traballando, para poder axudar a persoas e entidades da Costa da Morte, que queiran impulsar iniciativas no territorio.
Unha das principais conclusións deste proceso é a de que é necesario continuar reforzando o apoio ás confrarías e entidades do sector pesqueiro, as cales contribúen dunha maneira moi importante a manter o dinamismo socioeconómico que define a economía pesqueira da Costa da Morte. Este Foro é un espazo moi importante no que recoller as principais demandas do sector para garantir a súa sustentabilidade de cara ao futuro.
O Foro da Avaliación desenvolverase o xoves día 11 de xuño ás 17 horas, na sede do GALP no Centro de Artesanía e Tradición de Buño, en Malpica de Bergantiños. A participación a este evento é aberta.