Denuncian actos vandálicos no parque infantil de Carnés, en Vimianzo

1 minutes read

Desde o Concello de Vimianzo emitían un comunicado denunciando graves actos vandálicos durante a celebración das festas de San Cristóbo en Carnés e que provocaron importantes danos no parque infantil, deixando practicamente destruído todo o peche perimetral, así como a zona de xogo.

«Resulta profundamente lamentable que un espazo pensado para o lecer, a convivencia e o desfrute dos máis pequenos sexa obxecto deste tipo de comportamentos incívicos. Uns danos que, ademais do seu custo económico, privan ás nosas nenas e nenos dun lugar seguro onde xogar», afirman desde o Concello.

Ao mesmo tempo que solicitan a colaboración da veciñanza, por se algunha persoa presenciou os feitos ou dispón de información que poida axudar a identificar aos responsables, pregan que a poña en coñecemento do Concello ou das forzas e corpos de seguridade.

Ao mesmo tempo, informan de que se iniciarán as investigacións oportunas para esclarecer o sucedido e depurar as responsabilidades que correspondan.

Coidar do noso patrimonio común é unha responsabilidade de todas e todos. O respecto polos espazos públicos é tamén respecto polos nosos veciños e, especialmente, pola infancia. Vimianzo merece ser un concello do que sentirnos orgullosos. Coidémolo entre todos, conclúen desde o Concello.