Deputación da Coruña e Concello de Dumbría invisten 190.000 € na creación dun Punto de Atención á Infancia en Berdeogas

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, asinaron na sede da institución provincial o convenio de colaboración para a creación dun novo Punto de Atención á Infancia (PAI) en Berdeogas, cun investimento total de 189.775,26 euros.

A Deputación financiará o 80% do proxecto, cunha achega de 151.820,20 euros, mentres que o Concello de Dumbría asumirá a contía restante con fondos propios.

O novo PAI será un servizo municipal de atención diúrna para nenos e nenas de entre tres meses e tres anos, pensado especialmente para apoiar as familias que, por motivos laborais, familiares ou persoais, precisan unha alternativa de coidado durante determinadas horas do día. Tamén permitirá atender necesidades puntuais de conciliación.

Os Puntos de Atención á Infancia complementan a oferta das escolas infantís cun modelo máis flexible e de proximidade, especialmente importante nos concellos rurais, onde a dispersión da poboación e as distancias dificultan en maior medida a organización diaria das familias. O obxectivo é facilitar que nais e pais poidan conciliar a vida laboral e familiar e, ao mesmo tempo, contribuír a que as familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio.

Formoso destacou que «dotar os concellos rurais de servizos de conciliación é fundamental para garantir as mesmas oportunidades ás familias que apostan por vivir no rural. Servizos como este axudan a facer máis fácil a vida cotiá, especialmente para as familias novas, e contribúen tamén a fixar poboación no territorio».

O presidente provincial subliñou ademais a importancia da colaboración entre administracións para impulsar este tipo de equipamentos. «Os concellos pequenos non sempre teñen capacidade para afrontar investimentos desta dimensión, por iso é importante o apoio da Deputación», afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González, salientou que o novo PAI permitirá dar resposta a unha demanda das familias do municipio e reforzar os servizos públicos destinados á infancia e á conciliación.
Rehabilitación dunha antiga escola unitaria.

O proxecto permitirá rehabilitar e ampliar a antiga escola unitaria situada xunto ao centro social e cultural de Berdeogas, adaptándoa completamente para o seu novo uso. A actuación desenvolverase nunha parcela duns 604 metros cadrados e incluirá unha pequena ampliación na parte traseira do inmoble.

As novas instalacións contarán con recepción, despacho, aseo accesible, zona infantil de gateo e descanso, aseo adaptado aos nenos e nenas, espazo para preparación de alimentos e unha zona exterior de xogos, delimitada e acondicionada con materiais de seguridade e cunha parte cuberta.

A distribución dos espazos está deseñada para facilitar a atención e supervisión permanente das e dos menores, con conexión visual entre a sala principal e as distintas áreas auxiliares. O proxecto inclúe tamén a renovación das instalacións, melloras de eficiencia enerxética, climatización e iluminación e a adaptación do edificio ás condicións de accesibilidade.

O prazo previsto para a execución das obras é de doce meses.