Desaloxan parte dun edificio tras declararse un incendio nunha vivenda no Barco de Valdeorras

1 minutes read

O lume calcinou un colchón nunha vivenda do cuarto andar, pero provocou unha importante acumulación de fume no edificio.

Un particular chamou ao 112 Galicia arredor das 15:00 horas deste sábado para alertar de que estaba a saír fume dunha vivenda situada no cuarto andar dun edificio da avenida Conde de Fenosa, no Barco de Valdeorras. Segundo indicou, non había ninguén no interior do inmoble.

De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse aos Bombeiros e ao GES do Barco, así como á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Unha vez no punto, os equipos de intervención indicaron que foi necesario desaloxar os veciños das plantas inferiores á afectada. Pola contra, non foi posible evacuar os residentes das plantas superiores debido á importante acumulación de fume.

O incendio, que afectou a un colchón da vivenda, quedou extinguido e os equipos de emerxencia traballan arestora na ventilación do inmoble. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.