Reabren os centros sociais de Paiosaco e Caión co programa ‘Tempo de lecer’

1 minutes read

Os centros sociais de Paiosaco (Centro Sociocultural da Porta Santa) e de Caión (antiga casa reitoral) volverán estar dispoñibles para a cidadanía larachesa co inicio do mes de novembro, de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.

Co obxectivo de que estas dúas instalacións sexan lugares vivos, de referencia para que persoas de calquera idade poidan compartir o seu tempo libre, relacionarse e participar en diferentes propostas de ocio, en ambos centros sociais o Concello programará Tempo de lecer, unha nova iniciativa que inclúe actividades lúdicas e recreativas para todos os públicos. A participación será gratuíta e sen necesidade de inscrición previa.

Tempo de lecer conta con propostas a realizar de xeito habitual cada semana e tamén puntuais. As habituais serán ‘Adestrando a mente’ con exercicios relacionados coa memoria, atención, concentración e desenvolvemento lóxico, e ‘Manualidades en familia’, na que se realizarán diferentes creacións artísticas. Os sábados, en Paiosaco continuarán os ‘Seráns de baile’ amenizados cun DJ e con servizo de bebidas.

Como actividades puntuais, durante o mes de novembro haberá bingo, papiroflexia, manualidades, xogos con plastilina, scrapbooking, iniciativas con motivo do Día Mundial da Infancia, elaboración dun mural colectivo e obradoiro de reciclaxe.

Ademais da posibilidade de sumarse a estas propostas programadas, as persoas usuarias que o desexen tamén poderán acudir simplemente para pasar un tempo en compañía ou realizar outras actividades de ocio por iniciativa propia, como xogar ás cartas ou ao dominó.

A reapertura de ambas instalacións tamén se enmarca nas iniciativas do Concello da Laracha dirixidas ao colectivo das persoas maiores co propósito de evitar a soidade non desexada.