O obradoiro de emprego A Laracha X actúa na mellora do paseo fluvial do Anllóns

2 minutes read

O obradoiro de emprego A Laracha X está a executar os traballos de mantemento e mellora no paseo fluvial do río Anllóns, unha pasarela de madeira que comunica a área recreativa de Gabenlle co lugar do Formigueiro ao longo dunha distancia de 2,2 quilómetros. A intervención ten como obxectivo mellorar o seu estado xeral e reforzar a estrutura naqueles puntos nos que resulta necesario, tanto polas características construtivas da propia pasarela como polo desgaste acumulado co paso do tempo.

Os traballos céntranse nesta fase na zona do Formigueiro, onde se están atendendo especialmente os danos ocasionados por un acto vandálico que provocou a rotura duns 50 metros da pasarela. Unha vez completada esta intervención, as actuacións continuarán noutros puntos do percorrido nos que tamén se require realizar labores de mantemento e reforzo da estrutura.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, visitaron a zona para coñecer o desenvolvemento dos labores e mantiveron un encontro coa directora do obradoiro, docente e alumnado da especialidade de traballos de carpintería e moble para abordar a evolución das obras e a planificación das seguintes intervencións.

Cabe lembrar que, paralelamente, a especialidade de xardinería deste mesmo programa está a acondicionar a contorna da casa reitoral de Montemaior.

O obradoiro de emprego A Laracha X conta cun orzamento de 673.000 euros. Participan vinte alumnos-traballadores, dez en cada unha das dúas especialidades formativas, que están vinculados ao Concello mediante un contrato de formación. Durante o programa combinan a aprendizaxe teórica coa práctica profesional mediante a realización dos citados traballos de interese xeral para o municipio.

Ao remate do obradoiro, e sempre que superen satisfactoriamente a formación, obterán o correspondente certificado de profesionalidade que acreditará a cualificación adquirida e favorecerá as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.