O Concello de Carballo procedeu á retirada temporal da escultura O Escalo, a coñecida peza deseñada polo artista carballés Manuel Facal que preside a rotonda de acceso ao polígono industrial de Bértoa dende a súa inauguración no ano 2007. A desmontaxe, que requiriu o emprego dunha grúa debido aos seus máis de 13 metros de altura e 3 toneladas de peso, marca o inicio dun agardado proceso de restauración integral da obra.
O paso do tempo e a exposición continuada ás inclemencias meteorolóxicas provocaron un evidente empeoramento na conservación da estrutura. Por este motivo, o goberno local contratou a finais do ano pasado unha intervención específica cun orzamento de 14.000 euros, cuxa execución se viu atrasada lixeiramente nas últimas semanas por mor de cuestións loxísticas derivadas da folga do sector do metal.
Os traballos de restauración executaranse en taller co obxectivo de garantir unha recuperación óptima e duradeira. O plan de actuación inclúe o saneamento en profundidade de toda a estrutura, a substitución das partes máis deterioradas, a eliminación exhaustiva dos óxidos acumulados, un proceso de limpeza e galvanizado, e o posterior repintado coa cor vermella orixinal que caracteriza a obra.
Un diálogo coa paisaxe urbana
O Escalo é unha das pezas senlleiras do proxecto de arte urbana de Carballo. Feita cunha base de tubos de aceiro e rematada cunha aleta de aceiro inoxidable, representa de forma estilizada un dos peixes máis comúns do río Anllóns. O propio Facal concibiu esta obra para establecer un “diálogo racional” coa escultura O Peixe (situada na avenida Ponte da Pedra), como símbolos da identidade e da proxección cara ao futuro do municipio.
Unha vez rematados os traballos de recuperación e garantida a estabilidade e durabilidade dos materiais, a escultura volverá a ser instalada na súa localización na glorieta de acceso ao polígono de Bértoa para seguir dando a benvida a veciños e visitantes.