Diversiplás impulsa dúas xornadas de limpeza de praias en Fisterra e Camariñas para promover a inclusión e o coidado ambiental

1 minutes read

A asociación Íntegro, a través do seu programa de valorización do plástico Diversiplás, organizará durante o mes de maio dúas xornadas de limpeza de praias na Costa da Morte baixo o lema “Limpa, colabora, inclúe!”, unha iniciativa que combina sensibilización ambiental, participación cidadá e inclusión social.
As actividades desenvolveranse o venres 22 na praia da Langosteira, en Fisterra, de 11:00 a 12:30 horas, e o mércores 27 na praia de Camelle, en Camariñas, de 10:00 a 12:00 horas.
O obxectivo destas accións é fomentar a conciencia ambiental e implicar á veciñanza na conservación dos espazos naturais do litoral galego, promovendo ao mesmo tempo valores de cooperación, convivencia e inclusión.
Desde a entidade fan un chamamento á participación da cidadanía para contribuír activamente á protección do medio mariño e á redución dos residuos nas praias da Costa da Morte.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 981 734 985 ou do whatsapp 650 961 649.
Esta iniciativa está impulsada por Diversiplás e conta co co-financiamento da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do GALP Costa da Morte, no marco das accións de apoio ao desenvolvemento sostible e á dinamización social e ambiental do territorio.