O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou este xoves no acto de presentación do Edommo Surf Pro Razo 2026, proba da World Surf League que se disputa ata o vindeiro domingo na praia de Razo, en Carballo, coa participación duns 150 deportistas.
Acompañado do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, durante a súa intervención, Roberto García felicitou a organización polo salto de categoría da proba, que nesta edición pasa da categoría júnior á absoluta, ao integrarse nas Qualifying Series 2.000 da World Surf League. Esta incorporación permítelle aos surfistas sumar puntos para avanzar no ránking mundial e reforza a presenza de Galicia no circuíto internacional.
Roberto García destacou a importancia do surf en Galicia, tanto polo seu valor deportivo como pola súa repercusión económica e a súa vinculación cun territorio que conta con preto de 1.700 quilómetros de costa. Neste contexto, sinalou que a comunidade conta con máis de 2.600 licenzas de surf, das que 1.208 corresponden a mulleres.
