Educación inviste 1,6 M€ no seu compromiso co ensino en Camariñas

2 minutes read

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, reafirmou este mércores no Parlamento o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas educativas e co mantemento dun ensino de calidade en Camariñas, onde o Goberno galego leva investidos arredor de 1,6 millóns de euros desde o ano 2009 nos tres centros públicos.

Na súa intervención, destacou que este esforzo inversor ten como principal actuación a rehabilitación integral do Colexio O Areal, actualmente en marcha no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de arredor de 1,05 millóns de euros. A obra permitirá modernizar o edificio mediante a renovación da cuberta, o illamento das fachadas, a substitución das carpinterías, a mellora da iluminación, da accesibilidade e do confort térmico e acústico.

O secretario xeral técnico lembrou tamén outras actuacións executadas nos últimos anos en Camariñas, como a renovación da carpintería no Colexio de Ponte do Porto ou a instalación dun ascensor, a substitución da caldeira e a reparación estrutural de piares no Colexio O Areal, como mostra dunha planificación continuada baseada en criterios técnicos e nas necesidades dos centros.

Respecto das cuestións formuladas sobre o Colexio de Camelle, o representante da Consellería aclarou que as demandas relativas á estrada de acceso, á sinalización viaria e á cubrición do parque infantil situado fronte ao colexio afectan a infraestruturas de titularidade municipal e, polo tanto, corresponden ao Concello de Camariñas no exercicio das súas competencias.

No que respecta á organización do curso que vén explicou que a Xunta adapta cada curso os recursos docentes á evolución da matrícula e anunciou que o Colexio de Camelle contará cun reforzo de profesorado o próximo curso, tras o incremento do número de alumnos. O centro disporá dos recursos necesarios para garantir unha atención educativa de calidade e especializada.

Finalmente, o secretario xeral técnico puxo en valor o modelo galego de ensino rural, lembrando que Galicia garante a presenza dun centro de Educación Infantil e Primaria en máis do 90% dos concellos e que o investimento por alumno nestas zonas é un 28% superior ao das áreas urbanas, co obxectivo de asegurar a igualdade de oportunidades con independencia do lugar de residencia.