El Centro Dramático Galego representará en Uruguay y Argentina la obra ‘O charco de Ulises’


O Centro Dramático Galego cruzará por primeira vez o Atlántico para representar a produción O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Uruguai e Arxentina. Deste xeito, a unidade teatral, apoiada neste caso pola Secretaría Xeral da Emigración, levará esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro.
Nas funcións, que terán lugar o día 1 no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo ás 18,00 e 21,00 horas, e o día 2 no Teatro Astral de Bos Aires ás 20,00 horas, o equipo da montaxe estará acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez. A iniciativa enmárcase na xira que está realizar o Centro Dramático Galego coa produción por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal desde o 5 de novembro ata o 12 de decembro.

O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.