El Festival Internacional «Pórtico do Paraíso» vuelve a unir música y patrimonio


A presentación do evento tivo lugar nunha rolda de prensa no catamarán que percorre o Sil desde o peirao de Santo Estevo, no Concello ourensán de Nogueira de Ramuín. No acto participaron, en representación do Goberno galego, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Segundo se anunciou, nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá.

Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva, que actuará no mosteiro de Santa María, en Xunqueira de Espadanedo. Finalmente, o peche porao o acordeonista vasco Iñaki Alberdi o domingo 13 no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos.