Emotivo e histórico pleno para nomear oficialmente a Luz Casal como Filla Adoptiva de Camariñas

3 minutes read

O Concello de Camariñas viviu este mércores unha das xornadas máis especiais da súa historia recente coa celebración do pleno extraordinario no que se formalizou o nomeamento da recoñecida artista internacional Luz Casal como Filla Adoptiva da vila. O salón de plenos vestiuse de gala e emoción para saldar unha «débeda de gratitude, de agarimo e de xustiza» cunha das voces máis importantes do país. 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, foi a encargada de pronunciar un emotivo discurso dirixido directamente a Luz Casal, natural de Boimorto, subliñando que o que a fai xigante aos ollos do pobo non son só os seus éxitos nos escenarios máis prestixiosos de Europa e Latinoamérica, senón a súa decisión de «abrazar unha pequena cantiga nosa e convertela nun auténtico himno universal». 

«Cando soan os teus acordes e cantas ese ‘Ao pasar por Camariñas, por Camariñas cantando…’, ti non só interpretas unha canción; colles a nosa alma, o cheiro do noso mar e o bruar das nosas ondas, e lévalo a públicos que doutro xeito nunca nos terían coñecido», destacou Insua durante a súa intervención. 

Dende o goberno local tamén se quixo poñer en valor como o paso á fronte de Luz Casal marcou un camiño marabilloso para a nosa música. Así, a alcaldesa sinalou que ao outorgar este recoñecemento tamén se rende homenaxe a todas e todos os artistas que, seguindo o seu ronsel (desde que o folclore e grupos como Luar na Lubre rescataron a peza), collen a esencia de Camariñas e a levan polo mundo coa súa voz. 

O pleno tivo un forte carácter simbólico e tradicional grazas á presenza destacada de mulleres palilleiras, definidas por Sandra Insua como «o fío invisible que sostén a historia de Camariñas» e coas que a artista comparte valores de traballo, paciencia, forza e resiliencia. «Ti teces melodías coa mesma alma e amor pola nosa terra coa que elas tecen o noso encaixe», expresou a rexidora. 

Pola súa parte, no seu discurso Luz Casal salientou que “nunca estivera en Camariñas” e explicou que “estar hoxe aquí traeme moitas lembranzas da miña infancia e da miña nai, xa que cando eu era pequena ela sempre me falaba do encaixe e das palilleiras, da importancia deste traballo artesán que fan as mulleres, e iso é algo que se me quedou gravado na mente”. A artista amosouse moi agradecida ao Concello por esta distinción e anunciou que vai levar a medalla que lle otorgou a alcaldesa ao concerto que vai dar na Coruña este sábado, 1 de agosto, onde tamén vai a interpretar a canción ‘Camariñas”.

O momento máis emotivo e festivo da xornada chegou como broche final á sesión, cando os recoñecidos músicos Fran Barcia e Budiño puxeron a banda sonora perfecta ao acto. Ambos os artistas interpretaron a emblemática peza Camariñas en directo, sumándose á súa interpretación a propia Luz Casal, fundindo a súa voz nunha aperta coa veciñanza presente. 

Con este nomeamento, Camariñas reafirma que, máis alá dos títulos oficiais que marca o Regulamento de Honras, Luz Casal «xa era da nosa familia dende hai moito tempo».