En marcha actuacións na rede viaria de varias parroquias de Carballo

1 minutes read

O Concello de Carballo continúa a desenvolver un plan de intervencións na rede viaria co obxectivo de incrementar a seguridade, garantir a accesibilidade e modernizar as infraestruturas públicas das distintas parroquias do termo municipal. Na actualidade, un conxunto de seis proxectos técnicos mobilizan un investimento global de 1.356.242,14 euros. As actuacións abranguen dende a mellora integral de pavimentacións en núcleos rurais ata a mellora da accesibilidade peonil en estradas con alta densidade de tráfico e a optimización de camiños rurais esenciais para o sector primario.

Nestes momentos están en execución obras nas parroquias de Cances, Noicela, Rus, Aldemunde, Goiáns, Bértoa e Oza.

Este paquete de obras responde ao compromiso do goberno municipal de manter un equilibrio territorial nos investimentos. “Queremos que os veciños e veciñas, vivan onde vivan, conten con accesos dignos, estradas seguras nas que poder camiñar ou circular, e núcleos rurais que conserven o seu encanto pero coas comodidades e servizos propios do século XXI”, apuntou o alcalde, Daniel Pérez.

O Concello de Carballo é plenamente consciente do malestar veciñal polo estado actual de varias vías, nas que, debido ás persistentes condicións climatolóxicas adversas e as intensas choivas deste último inverno, non foi posible realizar con garantías as necesarias tarefas de mantemento asfáltico. Por iso, coa chegada do bo tempo e a estabilización do clima, o goberno municipal ten o compromiso prioritario de actuar coa máxima axilidade posible na posta a punto da extensa rede viaria municipal.