A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou este sábado na inauguración da novena edición de “O Encaixe no Camiño 2026”, celebrada en Camariñas, onde destacou esta iniciativa como un exemplo da unión entre o patrimonio histórico do Camiño de Santiago e a tradición do encaixe, un dos principais sinais de identidade da Costa da Morte.
Durante a súa intervención, a delegada puxo en valor este evento que é moito máis que unha feira, é unha experiencia que combina patrimonio, cultura, tradición, artesanía, gastronomía, música e participación cidadá. Ese é precisamente o modelo turístico polo que apostamos dende a Xunta de Galicia.
Belén do Campo subliñou que a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 non consiste só en atraer visitantes, senón que marca un camiño claro: construír un destino auténtico, sostible e con identidade propia, no que o patrimonio cultural sexa un dos principais elementos de diferenciación.
A Costa da Morte continúa consolidándose como un dos xeodestinos con maior crecemento de Galicia, incrementando un 13.6 % máis que o ano pasado, neste mesmo periodo, o número de viaxeiros así como o peso do turismo internacional. No que vai de ano o número de viaxeiros chegou a preto de 42.000 persoas, dos cales un 30.5 % deles son estranxeiros.
A representante do goberno autonómico destacou que o encaixe de Camariñas, con selo de Artesanía de Galicia, continúa sendo un patrimonio vivo grazas ás palilleiras, ás asociacións e ás novas xeracións que manteñen viva unha tradición recoñecida internacionalmente, que alcanza a a súa máxima expresión cada Semana Santa coa Mostra do Encaixe de Palillos, Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999.
Belén do Campo destacou que dende a Xunta de Galicia se está a preparar o Xacobeo 2027 baixo un modelo equilibrado que descentralice os fluxos de visitantes máis alá de Santiago, facilitando que os peregrinos e os visitantes prolonguen a súa estancia, percorran a Costa da Morte, descubran o encaixe e vivan novas experiencias.
Finalmente, resaltou este evento como unha oportunidade para seguir proxectando esa gran marca colectiva que é Galicia Calidade, un modo de facer as cousas na nosa comunidade e a imaxe dun territorio que avanza e aposta pola excelencia.