A asociación Vieiro de Carballo puxo en marcha este xoves 21 de maio un curso de autocuidado e xestión emocional impartido pola psicóloga clínica Teresa Vilanova Villar e dirixido ás persoas que participaron nos programas “Máis que un teito” e “Protego”, como complemento ás devanditas intervencións, co obxectivo de favorecer o benestar mediante a adquisición de ferramentas de regulación emocional, comunicación consciente e autocuidado.
Entre os obxectivos deste curso atópanse, a mellora da comunicación familiar, a aprendizaxe de estratexias de regulación emocional, a redución da tensión e a sobrecarga emocional, o fomento de límites saudables, así como a promoción do autocuidado e a autocompasión.
O curso ten unha duración de cinco semanas, con sesións semanais de dúas horas. A metodoloxía empregada é práctica e experiencial, baseada en dinámicas grupais, psicoeducación, mindfulness, exercicios de autocompasión e comunicación, ademais de espazos de reflexión e acompañamento emocional.
Entre os beneficios esperados, destacan unha maior conciencia emocional, a mellora do clima familiar, a redución de conflitos reactivos, a adquisición de ferramentas útiles para o día a día e a creación de espazos de apoio e escoita.